sábado, 2 de junio de 2012

Sempre Xonxa (1989) de Chano Piñeiro

Luciano Manuel Piñeiro Martínez (Chano Piñeiro), nado o 12 de outubro de 1954 en Forcarei. No 1971 ingresou na Universidade de Santiago de Compostela onde estudou Farmacia. Nese ano crucial na súa vida diagnostícanlle o mal de Crohn, unha afección intestinal crónica, que o levou a pasar reiteradas veces polos quirófanos. Tamén en 1971 coñeceu á que sería a súa dona, Mariluz Montes, tamén estudante de Farmacia e coa que casou en 1974.
A carreira cinematográfica de Chano Piñeiro iníciase en 1977 coa curtametraxe Os paxaros morren no aire, inspirada no Sempre en Galiza de Castelao. A curtametraxe, que parece ser non gustou nos ambientes composteláns, acadou, non obstante, varios premios en festivais. A rodaxe contou entre os seus intérpretes con Xosé Manuel Olveira "Pico", Antón Casal, Pili Lorenzo, Xosé Ramón Rodríguez e Alfonso Armada. As localizacións pertencían a Rubillón (a terra de Mariluz), Ponte Caldelas, Cabrais, Ribeira e a praia de Arealonga.
En 1979 Chano e Mariluz abriron unha botica na rúa Torrecedeira en Vigo, cidade onde Chano Piñeiro se afincaría para o resto da súa vida e na que moitos o consideran fillo adoptivo. Ese ano filma en Super 8 Eu, o Tolo, considerada por moitos a primeira longametraxe de ficción en galego (outros sosteñen que é Malapata de Carlos López Piñeiro). En calquera caso, trátase dunha iniciativa individual e bastante amateur como demostra o feito (por outro lado, claramente demostrativo do xeito en que Chano Piñeiro entendía o cine) de que Chano Piñeiro e máis Pablo Barreiro, o técnico de son e músico do filme, tivesen que recorrer persoalmente toda Galicia para exhibir, proxector e pantalla en man, a longametraxe. A estrea oficial só tería lugar o 12 de marzo de 1982 en Vigo grazas ó entusiasta apoio da Corporación Municipal. Eu, o Tolo é un relato surrealista e metafísico en torno a un extravagante personaxe, "Eu". "Eu" casa coa súa bicicleta. Acusado do asasinato do vehículo, foxe da cadea e chega a ser presidente do goberno.
O gran salto na filmografía de Chano Piñeiro prodúcese en 1984 cando fundou a produtora cinematográfica Piñeiro S.A. (despois Bubela S.L.), na que a primeira realización sería a louvada curtametraxe en 35 mm, Mamasunción. O filme estréase o 28 de decembro de 1984 en Vigo e consegue atraer a atención de diversos festivais internacionais. Tal foi o éxito desta curtametraxe que o 25 de xullo de 1985 a TVG abre a súa primeira emisión con Mamasunción.
En 1988, Chano Piñeiro iniciou a rodaxe de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe galega en 35 mm. Era un proxecto demasiado ambicioso para as posibilidades de Chano Piñeiro. A rodaxe alongouse durante máis dun ano e medio por mor das eivas financeiras e das complexidades da produción. Esta rodaxe esgotou o patrimonio de Chano Piñeiro e derramou a súa fráxil saúde. Con todo, conseguiu estreala en 1989 (ano mítico para o cine galego no que coincidiría a estrea de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Urxa de Carlos López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde).
En 1993 recibiu o encargo institucional de rodar O Camiño das Estrelas mediometraxe destinado a promocionar o Xacobeo 93, suceso turístico-promocional que a Xunta de Galicia. Sería a súa última película, e malia contar con medios técnicos nunca visto ata entón no cine galego. O argumento xira ó redor da historia de amor entre un lobishome e unha serea. Pero o argumento acaba sendo do máis manido e o resultado global moi controvertido.
Por desgraza, non lle deu tempo a rodar máis películas, ó falecer no 1995 con só 40 anos. A súa morte conmocionou ós cidadáns de Vigo, onde chegara a ser todo un persoeiro. O Concello de Vigo, que tantas veces apoiará os seus filmes, adícalle unha rúa.
http://www.veoh.com/watch/v30435930nnnXNH3Y


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...
Licencia de Creative Commons
ORIENTACIÓN EDUCATIVA Y TUTORÍA by http://orientacioneducativaytutoria.blogspot.com/ is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-CompartirIgual 3.0 Unported License.